Thursday 25 de April de 2024

Inés Rey: “Grazas ao Festival Primaletras, A Coruña será un punto de encontro para os profesionais da literatura e a cultura galegas”


A programación de actividades desta primeira edición do certame chegará ata o vindeiro 21 de maio, e contará coa participación das oito bibliotecas municipais da cidade, dinamizando os barrios

O Centro Sociocultural Ágora acolleu esta tarde a posta en marcha da primeira edición do Festival Primaletras, un novo certame literario e cultural que, ata o próximo día 21 de maio, e aproveitando datas sinaladas como o Día da Poesía, o Día do Libro e o Día das Letras Galegas, achegará á cidadanía o talento literario consagrado e recoñecido na escena de Galicia.

Ao acto de inauguración do Festival Primaletras asistiu hoxe a alcaldesa, Inés Rey, que valorou o carácter “diferencial” do Primaletras “porque nace co obxectivo de aportar un percorrido máis amplo, unha continuidade á cultura da nosa terra, coa premisa de que A Coruña sexa un punto de encontro para os referentes da literatura e cultura de Galicia”.

O Festival Primaletras, organizado polo equipo de profesionais das Bibliotecas Municipais en colaboración coa xestora cultural Dores Tembrás, comezou este luns 21 no auditorio do Centro Sociocultural Ágora cun recital de cinco poetas coruñesas: Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Emma Couceiro, Lucía Aldao e María Lado. Neste sentido, a alcaldesa agradeceu o labor levado a cabo polas traballadoras e traballadores das Bibliotecas Municipais, así como o de Dores Tembrás, para impulsar “un festival que nace na cidade co firme propósito de erixirse como unha referencia para o sector por moitos anos”.

A programación de actividades prevista nesta primeira edición do Festival Primaletras, que abrangue encontros con figuras da literatura galega, como Emma Couceiro e Xesús Fraga, así como da banda deseñada, como é o caso de Miguelanxo Prado, tamén abrirá as portas das bibliotecas municipais da Coruña á cidadanía para gozar do espectáculo que brindarán iconas artísticas como Xurxo Souto e Luar na Lubre.

As actividades, que se levarán a cabo nas oito bibliotecas municipais da Coruña (Ágora, Castrillón, Fórum Metropolitano, Estudos Locais, Durán Loriga, Monte Alto, Os Rosales e Sagrada Familia), teñen un obxectivo paralelo: contribuir a dinamizar aos barrios, achegando á cidadanía a esta festa da efervescencia cultural ideada para todos os públicos.